Información Xeral

Mapa de Etiopía

O amhárico, amárico ou amariña (አማርኛ, amarïñña) é a lingua máis falada dentro das fronteiras políticas da República Democrática Federal de Etiopía (የኢትዮጵያ ፈደራላዊ ዲሞክራሲያዊ ሪፐብሊክ, Ityop'iya Federalawi Demokrasiyawi Ripeblik), onde posúe o status de lingua nacional e é empregada por uns 17.372.913 falantes monolingües, aos cales habería que engadirlles arredor doutros 4 millóns que a falan como segunda lingua.

En Etiopía fálanse máis de 80 linguas (Ethnologue, versión online). As rexións onde o uso do amhárico está máis espallado comprenden a área xeográfica que vai dende a alta meseta (Highlands, en inglés), ao sur da capital (Addis Ababa, onde se concentra a meirande parte dos falantes), ata o norte (Hayward, 1999), aínda que o seu uso é xeneralizado como lingua franca en todo o Estado. Fóra das fronteiras etíopes a lingua goza de milleiros de falantes no Estado de Israel e en Eritrea, principalmente.

Filiación xenética e historia

A filiación xenética do amhárico pódese formalizar do seguinte modo: phylum afroasiático, familia semítica, grupo semítico sur, subgrupo etíope.

Outras linguas do subgrupo etíope son: Argobba, Gafat, Gurage, Harari, Tigre, Tigriña e Ge'ez, esta última empregada só como lingua litúrxica pola Igrexa Ortodoxa de Etiopía. Con respecto ás outras linguas semíticas, como o árabe e o hebreo, o amhárico semella estar máis alonxado (Devens, 2001). O amhárico é a lingua semítica máis falada despois do árabe (Hayward, 1999). A súa vez, as linguas semíticas agrúpanse coas linguas bérberes, chádicas e cushitas no phylum afroasiático.

A maior influencia no amhárico foi exercida principalmente polas linguas cushitas, especialmente polo Agew (subgrupo cushita central) e polas linguas cushitas orientales (Bender, 1992); así como polo Ge'ez. A lingua asimilou léxico do italiano durante a ocupación dos anos 30 do século pasado, o mesmo que está a suceder hoxe en día co inglés, non baixo as mesmas condicións sociopolíticas, pero si asoballada pola enorme presencia desta lingua no continente africano.

Os primeiros testemuños que temos do amhárico na súa forma escrita datan do século XIV, e consisten nunha recopilación de poemas en honor do Emperador, aínda que no III ou IV xa se atoparon evidencias de Ge'ez escrito, que é a súa principal lingua antecesora. De feito, arredor dos séculos IX e XI, o amhárico sustitúe o Ge'ez en Axum, a vella capital do que hoxe é Etiopía, aínda que o seu emprego non se xeneralizou ata fináis do século XIX ou principios do XX.

A súa importancia débese a que dende a súa existencia temperá ata a Revolta de 1974 foi a lingua da corte etíope, tanto oficial como non oficialmente (era chamada, de feito, "a lingua do rei"), así como do Imperio etíope. Non obstante, trala devandita Revolta, segue a ser a lingua dominante nun Estado onde se falan máis de 80 idiomas distintos (Ethnologue, versión online; Devens, 2001).

Status do amhárico en Etiopía

De entre todas as linguas faladas en Etiopía, o amhárico é a que saíu mellor beneficiada trala Revolta dos anos 70 do século XX. De feito, poderíase falar da posta en marcha dun proceso de "amharización" levado a cabo pola administración da época (de etnia Amhara), criticado por uns e defendido por outros, polémica que prosegue aínda hoxe en día. Na actualidade, é empregada na administración, na educación pública e nos medios de comunicación de ámbito nacional (na primaria e na secundaria, nas rexións con maioría amárico-falante, e incluso dende terceiro ano naquelas onde adoita ser segunda lingua). Un feito non menos importante é que unha das institucións que máis incide en Etiopía, a Ethiopian Ortodox Tewahedo Church (Igrexa Ortodoxa Tewahedo de Etiopía, de doutrina cristiá), emprégaa como lingua litúrxica e de forma xeneralizada.

As linguas da administración en Etiopía denomínanse “linguas de traballo”. O goberno federal decántase polo uso do amhárico ou, como segunda opción, o inglés, pero nunca o tigriña ou o oromo. Como consecuencia, os cidadáns que queiran dirixirse ao goberno débeno facer nunha destas dúas linguas. En canto aos diferentes estados federais, o amhárico úsase legalmente en Beni-Shangul, Gambella, Amhara, Etat meridional, Addis-Abeba e Diré-Dawa; o tigriña en Tigré; o oromo en Oromia; o afar en Afar e o somalí en Somalia.

En canto á educación, o amhárico foi a única lingua de instrución ata que, en 1994, se decidiu que cada estado tiña o dereito de escoller a lingua na que se ensinaría aos seus alumnos de primaria, xa que o amhárico non era a lingua materna de moitos deles. O sistema educativo sería así, por primeira vez na historia de Etiopía, multilingüe. Como resultado, na actualidade, o amhárico ensínase nas escolas primarias destas rexións antes con maioría amárico-falante (Beni-Shangul, Gambella, Amhara, État méridional, Addis-Abeba e Diré-Dawa), o tigrina en Tigré, o oromo en Oromia e Harar, o afar en Afar, o somalí en Somalia, o harari en Harar e o árabe nas escolas coránicas. En xeral, o amhárico e o inglés ensínanse como segunda lingua en moitas escolas de secundaria, aínda que a segunda tende a remplazar o amhárico nun amplo número de escolas onde non é lingua materna dos estudantes.

En relación cos medios de comunicación, o amhárico sempre está presente nunha alta porcentaxe. A excepción dos xornais publicados en inglés (por exemplo, The Monitor), un en oromo (Bariisaa) e outro en árabe (Alalem), a maioría están en amhárico. Ademáis, cómpre destacar que os xornalistas etíopes non adoitan utilizar outra lingua distinta do amhárico e ocorre o mesmo coa trintena de publicacións semanais que se fan nesta lingua. Por outra banda, a radio é o medio que máis inflúe nos cidadáns de Etiopía. A EMA (Educational Media Agency) comprende trece canles que se difunden nunha quincena de linguas nacionais, non en inglés. Outro exemplo é Radio Ethiopia que emite en once linguas, entre elas o amhárico (amhárico, oromo, tigrina, somalí, afar, harari, nuer, agnuak, árabe, inglés e francés).

A pesares da situación relatada anteriormente, algúns estudiosos sinalan que a lingua amhárica aínda precisa dun importante proceso de sistematización (Hayward, 1999).

Referencias

  • Appleyard, David (2006):"Amharic". En Brown, K. (editor in chief): Encyclopedia of Language and Linguistics (2nd edition). London, Elsevier.
  • Bender, Marvin L. (1992): "Amharic". En Bright, W. (ed): International Encyclopedia of Linguistics. New York, Oxford University Press.
  • Devens, Monica S. (2001):"Amharic". En Garry, J. & C. Rubino (eds): Facts about the World's Languages. New York, H.W. Wilson.
  • Ethnoloque - Languages of Ethiopia'' (http://www.ethnologue.org/show_country.asp?name=ET)
  • Hayward, Katrina e RichardJ. Hayward (1999): "Amharic". Handbook of the International Phonetic Association. A guide to the use of the International Phonetic Alphabet. Cambridge, Cambridge University Press.
  • L'aménagement linguistique dans le monde: Éthiopie (http://www.tlfq.ulaval.ca/axl/afrique/ethiopie.htm)


Grupo de Tipoloxía Lingüística (Universidade de Vigo) Última modificación da páxina December 09, 2023, at 12:47 AM