Resumo
En xeral, nas construcións sintácticas do amhárico a palabra principal ou núcleo, vai sempre ao final, isto é, colócase o verbo ao final da oración (SOV), o nome despois do adxectivo (Adx-N), etc.
Orde de palabras na oración: SOV
Nas oracións simples, o verbo (V) aparece sempre ao final. Antes del atoparemos o suxeito (S) e os complementos (O) que houber.
| አዳኙ | አንበሳ | ገደለ |
| addañu | anbässa | gäddällä |
| O cazador | león | matou |
| "O cazador matou un león" | ||
Orde nos grupos de palabras: complemento antes do núcleo
É común nas linguas de orde SOV que os adxectivos precedan ao nome. Vexamos o seguinte exemplo:
| አዲስ | ቤት | አለኝ |
| addis | bet | alläñ |
| nova | casa | teño |
| "teño casa nova" | ||
O mesmo ocorre cos complementos que expresan posesión, material, finalidade, lugar, tempo ou duración.
| የብረት | ምጣድ |
| yä-brät | mït'ad |
| de-ferro | tubo |
| "tubo de ferro" | |
Nas construccións de relativo, o verbo co prefixo የ- (de relativo) sitúase antes do nome (núcleo), de xeito semellante aos exemplos anteriores. Vexámolo:
| የመታችው | ልጅ |
| yä-mätt-ačč-ïw | lïjj |
| Rel(=que)-golpear-3SgFem(=ela)-3SgMsc.Obx(=o) | neno |
| "O neno (ó) que (ela) golpeou" (lit "que-golpeou-no neno") | |
Outros aspectos da orde de palabras
Interrogativos
Os interrogativos sitúanse imediatamente antes do verbo
| አስተማሪው | ተማሪውን | ለምን | ወቀሰው? |
| astämari-w | tämari-w-ïn | lämïn | wäqqässä-w? |
| mestre-o | alumno-o-Obx | por que? | reprendeu-no |
| "Por que o mestre reprendeu ao alumno?" | |||
