Tipoloxía fonolóxica

Os elementos mínimos cos que se constrúe o significante das linguas orais son os fonemas. Os sistemas fonolóxicos son específicos de cada lingua e diferencias sonoras que teñen carácter distintivo nunha non teñen por que ser distintivas en outra, pero os sistemas fonolóxicos posibles están limitados polas posibilidades articulatorias dos seres humanos. Un dos universais fonolóxicos que podemos establecer con case total seguridade é que todas as linguas distinguen entre vocais e consoantes (aínda que podemos imaxinar linguas hipotéticas que non teñan consoantes ou que non teñan fonemas vocálicos diferentes). A tipoloxía fonolóxica, logo, tomará como marco de referencia os sistemas vocálicos e os sistemas consonánticos ademais dos trazos suprasegmentais e a estructura da sílaba.