Número

O número nos nomes coreanos non aparece gramaticalizado, aínda que nalgúns casos para expresar as cantidades empréganse modificadores numerais ou mesmo demostrativos, que se sitúan diante do nome. O plural non se marca de xeito obrigatorio pola estrutura sintáctica, agás nos pronomes, senón que garda relación coa función semántica e de comprensión do enunciado. No caso de que sexa necesario marcalo faise co sufixo -tŭl.

Determinación

Os demostrativos e o numeral han tamén poden servir para converter a frase en determinada, posto que o xeral é non marcar a determinación.

Xénero

Os nomes coreanos non varían en función do xénero. Este está marcado en moitas ocasións polo contexto ou por outras palabras, que acompañan o nome, no caso de que a diferenciación sexa importante. Un sufixo que non é de xénero, pero que agrupa en categorías son os categorizadores, que son case obrigatorios cos numerais.

Partículas

En coreano existen particulas pospostas ó nome que poden ter varias funcións: marcar a función sintáctica da frase (o caso), a función informativa (o tópico), etc.