MODALIDADE VERBAL

Existen tres modos en guaraní:

  • Indicativo: non marcado
  • Imperativo: expresa ordes, mandatos ou instrucións. Engade marcas de modo únicamente nas segundas persoas: o prefixo e- para a 2ª persoa singular, e o prefixo pe- para a 2ª persoa plural.
  • Optativo ou desiderativo: expresa o desexo que o evento se realice. A marca morfolóxica deste modo é, en xeral, un prefixo t + vogal, anteposto ás marcas de persoa e número. No cadro seguinte preséntanse tódalas variantes:
PersoaSingularPlural
1ª excluíntet-to-
1ª incluínteØta-
te-ta-
t-t-

MODALIDADE PROPOSICIONAL

Este tipo de modalidade indica a actitude do falante no acto verbal. Márcase con sufixos engadidos ao verbo.

Ademáis do significado xeral, en guaraní podemos establecer escalas de modalidade:

Escala do desexo, intención ou piedade do falante con respecto ao enunciado

  • -se: desexo que ten o falante de realizar o evento
  • -mo: desexo do falante de que o evento se cumpra
  • -ga’u/nga’u: desexo do falante de que se cumpra a acción verbal
  • -mo’ã: o falante tiña a intención de realizar o evento pero non foi posible
  • -anga: expresa piedade

Escala da necesidade ou obrigación

  • -va’erã: expresa a obriga de que o evento se realice. Tradicionalmente é considerado un afixo de futuro obrigatorio, pero pode ser considerado como sufixo modal deóntico cando aparece no complexo verbal canda unha marca de pasado.

Escala dos mandatos e rogos: úsanse cando aparece o modo imperativo

  • -ke: orde categórica sen posibilidade de réplica.
  • -mi: orde moi matizada, suavizada, con afecto.
  • -na: máis ca mandato, expresa un consello.

Escala da seguridade e da posibilidade

  • -po, -nipo, -pipo: expresan posibilidade ou incertidume sobre a veracidade do enunciado. O falante non se compromete coa veracidade do enunciado que transmite senón que indica que transmite un enunciado suposto ou deducido.
  • -ko, niko/ningo, katu: indica que o falante transmite unha mensaxe que non deixa duda.
  • -voi: expresa o compromiso persoal do falante con respecto á veracidade da información que transmite.
  • -je, -ndaje: indica que o falante non presenciou directamente o enunciado e non pode constatar a veracidade da información que transmite.
  • -nunga: indica que o falante non esta seguro da exactitude do enunciado.
  • -gua’u: indica que o suxeito finxe o enunciado, polo tanto, a información que transmite non é certa.

Escala da maneira en que se realiza o enunciado

  • -rei: indica que a acción se efectúa sen resultado, "de balde".
  • -vy, -mi: atenúan a realización do evento, expresan familiaridade (-mi tamén se empregaba no imperativo [ordes ou mandatos]).