FILIACION XENÉTICA (phylum e familia):

O guaraní é unha lingua da familia tupí-guaraní que se insire dentro do phylum tupí.

SITUACIÓN XEOGRÁFICA:

O guaraní fálase en Paraguai, o noroeste de Arxentina, o sur do Brasil e o Chaco boliviano.

NÚMERO APROXIMADO DE FALANTES:

O guaraní é falado por 4,850,000 de persoas en todo o mundo, das cales, 4,650,000 atópanse en Paraguai (segundo datos do ano 1995).

A distribución lingüística do Paraguai é a seguinte:

  • Falantes monolingües en guaraní: 40,13% (en 1982)
  • Falantes monolingües en español: 6,49%
  • Falantes monolingües noutras linguas: 4,75%
  • Falantes bilingües guaraní e español: 48,63%

A partir destes datos xerais encontramos diferencias entre a poboación rural e urbana.

Poboación rural:

  • Falantes monolingües en guaraní: 60,25% (en 1982)
  • Falantes monolingües en español: 5,64%
  • Falantes monolingües noutras linguas: 6,49%
  • Falantes bilingües guaraní e español: 31,91%

Poboación urbana:

  • Falantes monolingües en guaraní: 15% (en 1982)
  • Falantes monolingües en español: 12,67%
  • Falantes monolingües noutras linguas: 2,01%
  • Falantes bilingües guaraní e español: 70,82%

Os cambios máis bruscos atópanse nos falantes monolingües en guaraní, cunha maioría aplastante no rural, e nos bilingües, dobrando en número na xente da cidade (con respecto ao rural).

ESTATUS SOCIOLINGÜÍSTICO:

Está recoñecida como lingua oficial e úsase no ensino en Bolivia, Paraguai e a provincia arxentina de Corrientes, no Brasil non é oficial.

En Paraguai dáse unha situación de diglosia entre o español e o guaraní. Segundo Melià, o uso do castelán predomina nas áreas técnico-académicas, administrativas, financeiras, burocracia oficial, instrucción escolar e medios de comunicación. Pola outra parte, o guaraní domina nos ámbitos da relixión popular, a política, o comercio, as innovacións agrícolas, o fogar, o rural, o tradicional e a cultura guaraní.

Ademáis, no Paraguai existe unha variedade do guaraní denominada jopara "lingua mixta" ou "terceira lingua". O jopara caracterízase por ser unha versión hispanizada do guaraní, máis no léxico que na morfosintaxe (pero tamén ten lugar aquí). Vexamos un exemplo:

Guaraní:

  • Nde kyvy o-hai peteĩ kuatiañe'ẽ

Jopara:

  • Nde kyvy o-escribi peteĩ kuatiañe'ẽ

Jopara máis hispanizado:

  • Nde kyvy o-escribi peteĩ carta

"O teu irmán escribe unha carta"

PRINCIPAIS DIALECTOS

A historia da lingua guaraní é moi complexa. Segundo os investigadores, existiron tres modalidades do guaraní: o guaraní misioneiro ou xesuítico, o guaraní indíxena ou tribal e o guaraní crioulo ou paraguaio.

O guaraní actual procede do antigo guaraní crioulo ou paraguaio.

En canto aos dialectos, podemos dicir que existen catro grandes grupos:

  • Dialectos orientais: Pai Tavyterá en Paraguai e Brasil(17.000 falantes), Avakatueté ou chiripá en Paraguai e Brasil (8.000 falantes) e Mbyá en Paraguia, Brasil e Arxentina (máis de 9.000 falantes).
  • Dialectos occidentais ou chiriguanos: linguas do grupo guarayo entre as que se inclúe o chiriguano (66.500 falantes entre Bolivia, Arxentina e Paraguai))
  • Aché-guajakí: está case desaparecido porque tan só ten uns 450 falantes.
  • Dialectos do guaraní paraguaio: guaireño, guaraní paraguaio (variedade máis pura) e o jopara.