Tipoloxía morfolóxica
No pasado tivo diversas clasificacións, pero hoxe clasifícase como unha lingua polisintética aglutinante, seguindo o modelo de tipoloxía morfolóxica proposto por Comrie. O termo polisintético aglutinante, maniféstase en que, por unha banda, o verbo mapuche ten unha constitución interna complexa, é dicir, está formado por unha serie de elementos significativos que se combinan nunha orde altamente regulada (polisíntese). Por outra banda, os compoñentes teñen unha identidade formal propia, ben definida e constante, e polo tanto, claramente segmentables (aglutinación).
Exemplo:
Rüngkükonfemtuaymi: "inmediatamente saltarás cara dentro, de volta ó punto de orixe"
rünkgü | -kon | -fem | -tu | -a | -y | -m | -i |
saltar | dentro | inmediatamente | reversivo | futuro | indicativo | 2ª | Sg |
- rüngkü: "saltar"
- kon: "dentro"
- rüngkükon: "saltar cara dentro"
- fem: "inmediatamente"
- rüngkükonfem: "saltar cara dentro inmediatamente"
- tu: "houbo precisamente un salto cara fóra"
- rüngkükonfemtu: "saltar cara dentro inmediatemente regresando ao punto de orixe"
- a: marca de futuro
- y: enunciado non hipotético
- m: segunda persoa
- i: singular
A polisíntese é universal nos verbos, onde se manifesta na súa forma máis complexa e produtiva. Nos substantivos e adxectivos aparece limitada e restrinxida. Aínda así, cada vez que hai polisíntese, o grao de aglutinación manténse máis ou menos constante.
Un exemplo de palabra polimorfémica é: Kutranforo: adoecido dos dentes
- kutran: "enfermo", "doente", "adoecido"
- foro: "dente(s)"
Estas palabras poden aparecer incorporadas como compoñente no interior dunha forma verbal, o que dende a clasificación tipolóxica se coñece como "incorporación".
Por exemplo: kutranfororkey: "dicen que estaba adoecido dos dentes"
Kutran | -foro | -rke | -y |
doente | dente | disque | INDICATIVO |
Neste caso kutranforo aparece aglutinado cos compoñentes -rke e y, que non son palabras da lingua senón sufixos verbais. No mapudungun a presenza de prefixos é excepcional.