Ambito xeográfico e número de falantes

O coreano é a lingua oficial dos países da península de Corea (Corea do Norte, e Corea du Sur). O seu número aproximado de falantes está arredor dos 72 millóns de persoas (entre as dúas Coreas), ó que temos que engadir uns 5 millóns de falantes máis, xa que as comunidades coreanas emigradas principalmente na China, no Xapón, en Norte América ou na Federación Rusa seguen falando a súa lingua nativa, nuns casos como primeira lingua, noutros como segunda. Como vemos, o coreano, consonte coa maioría das linguas do mundo, non só se fala nos países en que é oficial.

Filiación xenética

O coreano é unha lingua que, ata o de agora, non se pudo asociar con plena firmeza a ningunha póla xenética, polo que se considera unha lingua illada. Existen algunhas teorías que o relacionan co xaponés e, á súa vez, coa póla das linguas altaicas. Os que apoian esta filiación baséanse en que son linguas que teñen unhas características gramaticais similares que as afastan doutras, como son os honoríficos. Outras teorías relacionárono coas linguas dravídicas da India pola súa sintaxe similar (a orde SOV, as posposicións, os modificadores diante do nome, etc.). Tamén hai lingüístas que o consideran como pertencente á póla das linguas polinésicas, pola estrutura fonolóxica das sílabas abertas, os honoríficos, os números e os nomes de algunhas partes do corpo.

Dialectoloxía

Os dialectos do coreano teñen forza na historia da estandarización desta lingua, dado que o grupo que colleu o poder político en cada época da súa historia impuxo como norma estándar o dialecto do seu grupo social e dialectal. Parece que as diferenzas entre os distintos dialectos non son moi fortes, debido a unha forte nivelación dialectal, agás o dialecto de cheju island, que para algúns non é dialecto, senón lingua de seu. De todos os xeitos, si que existen varios dialectos identificados polos lingüístas que estudaron esta linguas: seoul, ch’ungch’ongdo, kyongsangdo, chollado e cheju island. Na actualidade Corea do Norte sitúa o seu estándar nas formas dialectais dos arredores de Pyongyang, mentres que Corea do Sur fixa a súa norma no dialecto das inmediacións de Seul.

Sociolingüística

O coreano ten unha porcentaxe de alfabetización na súa lingua de, aproximadamente, o 90% en Corea do Norte e Corea do Sur e, a pesar de que nese ámbito compite co chinés, o coreano é a única lingua oficial dos dous países. Débese ter en conta que en Corea do Sur é oficial a lingua de signos coreana, que está moi relacionada coa lingua de signos xaponesa e tailandesa.