O Mapudungu (de mapu "terra" e dungu "fala"), é unha lingua indíxena americana, falada aínda por un número considerable de persoas pertencentes ó grupo étnico dos Mapuche (de mapu "terra" e che "xente") Os Mapuche habitan maioritariamente na zona centro-sur de Chile (Región de la Araucanía e Región de los Lagos), e un grupo máis reducido sitúase na parte central de Arxentina (Neuquén, Río Negro, Chubut, Buenos Aires, Santa Cruz e La Pampa). Calcúlase que a poboación Mapuche ronda os 450.000 individuos, dos que al menos a metade falaría a lingua propia de forma fluída, aínda que non monolingüe; hai que ter en conta que estas cifras poden variar significativamente dependendo da fonte.

A lingua pode recibir varias denominacións: Mapudungu/Mapudungun/Mapudungo, Mapuche- dungu(n), e (Re)chedungu(n) ou Tsedungu(n)para o dialecto oriental e na Arxentina. Hai que sinalar que o termo Araucano é rexeitado actualmente tanto por especialistas como por organizacións indíxenas.

A filiación xenética do Mapudungu é considerada oscura; mentres que uns pensan que é unha lingua Penutiana, outros consideran que estaría dentro da familia Andino-Ecuatorial e outros preferen considerala unha lingua illada.

Con respecto do seu estatus sociolingüístico o Mapudungu non ten unha protección ou promoción de relevancia, malia que o goberno chileno tense comprometido a mellora-la situación e dotar de acceso total á educación en Mapudungu nas áreas de súa fala. Actualmente a taxa de alfabetización como segunda lingua (despois do castelán)está no 21% (como primeira lingua non chega ó 1%). O Mapudungu é considerado un factor crucial no esforzo deste grupo étnico pola supervivencia cultural.