Os nomes do árabe teñen xénero (masculino e feminino), caso (nominativo, xenitivo, acusativo), número (singular, dual e plural) e determinación (definidos e indefinidos). A estrutura morfolóxica dos nomes adoita seguir unha das dúas pautas seguintes:

Definido: ART - N - (FEM) - (NUM) - caso.

Indefinido: N - (FEM) - (NUM) - caso - DET INDEFINIDA

Xénero

Nos nomes do árabe existen dous xéneros: masculino e feminino. O xénero non marcado é o masculino. A maioría dos nomes femininos márcanse co sufixo 'at' despois da raíz nominal (por ex.: malik "rei", malikat "raíña"), aínda que hai nomes co sufixo -at- que son masculinos (xali:f-at "califa"). O xénero maniféstase ademais, e principalmente, na concordancia cos modificadores adxectivos na frase nominal e os predicados adxectivos nas cláusulas atributivas

A maioría dos nomes adoptan un xénero ou outro por razóns semánticas. Ademais dos nomes que se refiren a seres vivos femininos, tamén as partes do corpo que son dobres e os nomes da maioría dos países son femininos. O resto dos nomes adoitan ser masculinos.

Número

O número en árabe pode ser singular, dual e plural.

O dual fórmase por sufixación á base dos morfemas -a:(nin) en nominativo e -ay(nin) en xenitivo ou acusativo [(nin) pérdese se o substantivo vai seguido dun modificador nominal]. Por exemplo:

Singular Dual en nominativo Dual en xenitivo
muslimun "musulmán" muslima:ni "2 musulmáns" bi-muslimayni "con 2 musulmáns"
muslimatun "musulmá" muslimata:ni "2 musulmás" bi-muslimatayni "con 2 musulmás"

Os procedementos de formación do plural en árabe están determinados lexicamente. Moitos nomes e adxectivos teñen o chamado plural regular (ou "plural san") que se obtén, para o masculino, por sufixación dos morfemas -u:(na) en nominativo e -i:(na) en xenitivo, mentres que para o feminino se sufixa -a:t-u-n en nominativo e -a:t-i-n en xenitivo ou acusativo

Singular Plural nominativo Plural Xenitivo
malikun "rei" maliku:na "reis" bi-maliki:na "con reis"
malikatun "raiña" malika:tun "raíñas" bi-malika:tin "con raíñas"

Pero a maioría dos nomes árabes teñen o chamado "plural fracto" ou irregular, consistente na adopción dunha forma diferente que só conserva as consoantes da base. Exemplos:

Singular Plural Singular Plural
kita:b kutub "libro(s)" wazi:r wuzara: "ministro(s)"
rajul rija:l "home(s)" sadi:q 'asdiqa: "amigo(s)"
ta:lib talabat "estudante(s)" maktab maka:tib "oficina(s)"
'ayn 'a 'yun "ollo(s)" hajarat hija:rat "pedra(s)
nafs nufu:s-a "alma(s)" balad bulda:n "país(es)"

Determinación

As frases nominais poden ser definidas ou indefinidas. Se o nome é indefinido engádese ao final o sufixo -n; se está definido prefíxaselle o artigo definido (a)l-.

kita:bun "(un) libro" // 'al-kita:bu "o libro"

A determinación é tamén unha categoría de concordancia, polo que se expresa tamén nos adxectivos cualificativos que modifican o nome

Ademais dos nomes propios e os pronomes persoais, os nomes con modificador posesivo (pronominal ou nominal) son gramaticalmente definidos por defecto e non admiten nin o morfema definido nin o indefinido, pero os adxectivos que os modifiquen deben ser definidos

Caso

Os nomes admiten tres casos: nominativo, acusativo e xenitivo. Como se viu, o nominativo é o caso do suxeito, o acusativo é o caso do obxecto e dalgúns adverbios, mentres que o xenitivo é o caso dos complementos do nome e das preposicións. As marcas de caso son -u para o nominativo, -a para o acusativo e -i para o xenitivo.