ÁMBITO XEOGRÁFICO E NÚMERO DE FALANTES

Actualmente, a lingua maorí (te reo māori) fálase en Nova Celandia sobre todo na Illa Norte, pois a poboación que falaba esta lingua da Illa Sur mudouna polo inglés. Segundo a Māori Language Commision, estímase que 50.000 neocelandeses, case todos de etnia maorí, fálana con fluidez e máis de 100.000 enténdena.
Nova Celandia
Nova Celandia (Aotearoa, en māori), capital Wellington, é un país de Oceanía situado ó suroeste do Océano Pacífico. O país limita ó norte e ó este co Pacífico Sur, ó oeste co Mar de Tasmania e ó sur co Océano Antártico. Está formado por dúas grandes illas -a Illa do Norte e a Illa do Sur- e outras illas menores, entre elas: Stewart e Chatham.
A Illa do Norte é a más poboada e constitúe o núcleo das actividades comerciais e de negocios, mentres que a Illa do Sur destaca polos seus parques naturais. A poboación é, na súa maioría, de orixe europeo, sendo os maorís unha minoría dentro do país. Na illa tamén conviven outras minorías, polinesios e asiáticos, concentrados principalmente nas cidades.
Attach:bandeiramaori.png Δ | bandeira da cultura maorí
DIALECTOLOXÍA
O maorí ten variación dialectal en parte de natureza fonolóxica e fonética pero sobretodo léxica. O estándar procede da variante lingüística da Illa Norte utilizada para traducir a Biblia ao maorí.
FILIACIÓN XENÉTICA
A lingua maorí pertence á familia austronesia, concretamente é membro, xunto co tahitiano e o rarotongano das Illas Cook, do subgrupo tahítico, do grupo polinesio das linguas oceánicas.
Nesta tóboa podemos apreciar o parentesco entre o maorí e outras linguas do océano Pacífico:
Māori | Rarotongano | Hawai'iano | Samoano | Tongano | Galego |
hoa | 'oa | hoa | soa | hoa | amigo |
ingoa | ingoa | inoa | igoa | hingoa | nome |
kai | kai | 'ai | 'ai | kai | comida |
rima | rima | lima | lima | nima | cinco |
tangata | tangata | kanaka | tagata | tangata | home |
wahine | va'ine | wahine | fafine | fefine | muller |
wai | vai | wai | vai | vai | auga |
whare | 'are | hale | fale | fale | casa |
SOCIOLINGÜÍSTICA
Dende os anos oitenta en Nova Celandia xurdiu un interese pola conservación e promoción da lingua maorí, fundáronse escolas infantís e primarias monolingües en maorí, incrementáronse as publicacións en maorí, especialmente as dirixidas á xente nova, en 1987 converteuse en ligua oficial xunto co inglés en Nova Celandia, ese mesmo ano fundouse a Māori Language Commision, Te Taura Whiri i te Reo Māori instución encargada do mantemento, desenvolvemento da lingua. As entidades estatais teñen nomes bilingües, os topónimos maorís foron recoñecidos como oficiais xunto cos nomes en inglés, e no ano 2004 o estado fundou Māori Television, unha canle bilingüe, e no 2008 comezou a emitir Te Reo un segundo canle 100 % en maorí.