Aspecto

A flexión do verbo árabe distingue o aspecto perfectivo do imperfectivo, que se diferencian tanto polos infixos vocálicos coma polos prefixos e sufixos de concordancia co suxeito. As formas de indicativo correspondentes á raíz triconsonántica K-T-B "escribir" son as seguintes:

Perfectivo Imperfectivo
1sg katab-tu 'a-ktub-u
1pl katab-naa na-ktub-u
2sg masc katab-ta ta-ktub-u
2sg fem katab-ti ta-ktub-i:na
2dual katab-tuma: ta-ktub-a:ni
2pl masc katab-tum ta-ktub-u:na
2pl fem katab-tunna ta-ktub-na
3sg masc katab-a ya-ktub-u
3sg fem katab-at ta-ktub-u
3du masc katab-a: ya-ktub-a:ni
3du fem katab-ata: ta-ktub-a:ni
3pl masc katab-u: ya-ktub-u:na
3pl fem katab-na ya-ktub-na

O verbo árabe non expresa directamente significados de tempo, estes dedúcense do aspecto. En xeral, o perfectivo úsase para accións pasadas e acabadas e o imperfectivo para accións presentes ou pasadas pero non rematadas.

katab-a risa:lat-a-n
escribir(PERF)-3 sgMASC carta-ACUS-INDEF
= "Escribiu unha carta"
ya-ktub-u risa:lat-a-n
3sgMASC-escribir(IMPERF) carta-ACUS-INDEF
"Escribe / escribía unha carta"

Non obstante, o perfectivo úsase tamén para expresar accións non pasadas como na expresión desiderativa do exemplo seguinte:

ba:rak-a alla:h-u fi:-ka
bendecir(PERF) deus-NOM en-2 SG
"Que Deus te bendiga" (= "Grazas")

Ademais das diferenzas aspectuais expresadas na flexión verbal, existe tamén a posibilidade de utilizar verbos auxiliares con diferentes propósitos. Por exemplo, a forma perfectiva ka:na ("ser/estar") pode construírse cun verbo para indicar explicitamente que a acción se desenvolve no pasado, unha función similar á que o mesmo verbo desenvolve en cláusulas atributivas. Combinado cun verbo en aspecto imperfectivo o resultado é un pasado imperfectivo, normalmente con sentido iterativo ou habitual.

ka:na xamma:r-u-n yu-sa:fir-u bi- xamr-i-n la- hu;
ser(3SGMASC+PERF) viñateiro-NOM-INDEF 3SgMasc-viaxar-(IMPERF) con-viño-XEN-INDEF a- 3 SG
"Un viñateiro viaxaba co seu viño"

En cambio, combinado cun verbo en aspecto perfectivo, o sentido resultante é equivalente ao do pluscuamperfecto: ka:na kataba = "escribira"

Modo

En aspecto imperfectivo, existen tres modos: indicativo, subxuntivo e iusivo, que se distinguen fundamentalmente pola vogal final do tema. As formas de 3ª persoa singular masculino da raíz K-T-B "escribir" sonb:

INDICATIVO SUBXUNTIVO IUSIVO
ya-KTuB-u ya-KTuB-a ya-KTuB

O modo iusivo(chamado tamén apocopado) carece de contido sintáctico-semántico uniforme, pero é o que se usa tras certas negacións e en estruturas condicionais.

O modo subxuntivo é requirido na subordinación con marcadores como 'an "que" e outros.

O indicativo é o modo non marcado, o que se utiliza cando non hai razóns para utilizar algún dos outros.

Imperativo

Os verbos teñen tamén formas imperativas de segunda persoa, que parten das formas de aspecto imperfectivo:

 ('u)ktub"escribe"
 ('i)drib"golpea"
 ('i)ftah"abre"

Categorías: Tempo, Aspecto, Modo, Imperativo