O árabe pertence á rama semítica da familia Afro-Asiática e é unha das linguas con maior número de falantes no mundo. Hai 160 millóns de falantes das diferentes variedades do árabe, en todo o norte de África (Marrocos, Alxeria, Tunicia, Libia, Sudán, Exipto) e Oriente Medio (Arabia, Xordania, Iraq, ...).

O árabe clásico é a lingua do Corán [Qur'a:n] e, polo tanto da relixión islámica. Dado que o Corán non debe traducirse, o árabe utilízase como segunda lingua en todo o mundo musulmán e exerce unha grande influencia noutras linguas non arábicas de países musulmáns (persa, turco, ...). Por razóns históricas coñecidas, o árabe tamén influíu en linguas europeas e moi especialmente no castelán, onde deixou numerosos empréstitos

O árabe falado moderno ten moitos dialectos, a maioría deles mutuamente inintelixibles, polo que poderiamos consideralos como linguas diferentes. Os "dialectos" do árabe pódense clasificar en dous grandes grupos:

Árabe oriental: dialectos falados en Mesopotamia, Siria, Líbano, Israel, Península Arábica, Exipto, Sudán e Tanzania. Árabe occidental: dialectos falados no Norte de África: Libia, Marrocos, Tunicia, Alxeria e Mauritania.

O dialecto co maior número de falantes é o árabe exipcio (43 millóns de falantes). O maltés, da illa mediterránea de Malta, debido á súa separación cultural respecto do mundo árabe, é considerado unha lingua diferente: os malteses son maioritariamente cristiáns, polo que non aprenden árabe clásico no Corán. O maltés escríbese en alfabeto latino e utilízase tamén en situacións formais. Hai uns 330.000 falantes de maltés.

O árabe literario moderno (ou árabe estándar) está baseado no árabe literario do Corán e é a forma utilizada na comunicación interdialectal, nas situacións formais, na literatura seria, etc. Existen notables diferenzas entre o árabe literario e as variantes faladas. O árabe literario moderno e o dialecto árabe de cada rexión conviven en situación de diglosia, entendendo por tal a situación na que variantes fortemente diverxentes da mesma lingua se usan na mesma comunidade con funcións claramente delimitadas.