1. Expresión de participantes en cláusulas transitivas e intransitivas
O indonesio non utiliza marcas formais para expresar as relacións semántico-sintácticas básicas entre os constituíntes, polo que a función dos participantes só vén especificada a través da posición que ocupan dentro da cláusula. O verbo non establece concordancia con ningún dos participantes e estes non van marcados nin con morfemas de caso nin con adposicións.
A orde na que deben ir dispostos os participantes establécese seguindo un sistema actancial nominativo-acusativo. Mentres que (S) e (A) ocupan a mesma posición por diante do verbo, (P) adoita ir posposto a el.
Cláusulas intransitivas
Nas cláusulas intransitivas, o suxeito (S) precede ao verbo:
Ali | menanjis |
Ali | chorar |
S | V |
= "Ali está a chorar" |
Cláusulas transitivas
Nas cláusulas transitivas, o suxeito-axente (A) precede ao verbo, mentres que o obxecto directo-paciente (P) vai posposto a el:
Siti | menjual | mobilnya |
Siti | vender | coche |
A | V | P |
= "Siti vendeu o coche" |
Cláusulas ditransitivas
Nin sequera cos verbos triactanciais se fai necesario o uso de marcas formais para expresar a función de cada participante, abonda coa orde en que aparecen na cláusula. (A) volve preceder ao verbo e, seguindo a este, a orde non marcada sitúa o obxecto indirecto-receptor (R) por diante do obxecto directo-obxecto (O):
Michael | memberi | Ali | surat |
Michael | dar | Ali | carta |
A | V | R | O |
= "Michael deulle unha carta a Ali" |
Con certos verbos como memberi existe tamén unha forma alternativa na que o receptor aparece en forma de frase preposicional. Engádeselle ao verbo o morfema -kan e (R) queda coma complemento oblícuo:
Michael | memberikan | surat | kepada | Ali |
Michael | dar | carta | prep | Ali |
A | V-kan | O | R | |
= "Michael deulle unha carta a Ali" |
2. Constituíntes non centrais
As funcións clausais non centrais poden expresarse por medio de frases nominais, frases adverbiais e frases preposicionais:
Mereka | berjalan | tiga | kilometer |
eles | camiñar | tres | quilómetros |
S | V | CIRC | DISTANCIA |
= "Eles camiñaron tres quilómetros" |
Kami | bekerja | keras |
nós | traballar | moito |
S | V | CIRC MODO |
= "Traballamos moito" |
Ali | membeli | buku | itu | untuk | Michael |
Ali | mercar | libro | ese | prep | Michael |
A | V | O | | OBL | |
= "Ali mercou ese libro para Michael" |
3. Cláusulas atributivas
A expresión da atribución pode realízase sen verbo, cunha frase nominal formada por un substantivo e un modificador (un adxectivo ou outro substantivo).
Ali | guru |
Ali | profesor |
N | N |
= "Ali é profesor" |
De xeito opcional, pódense empregar as cópulas adalah e ialah para unir suxeito e predicado nas cláusulas non verbais. Non son verbos copulativos como o noso verbo ser, senón que se trata estritamente de marcadores de predicado. Mentres que adalah se pode empregar con toda clase de suxeitos, ialah só pode ser usada con suxeitos en terceira persoa. Ambas as dúas cópulas aparecen normalmente en cláusulas nominais, preferentemente naquelas que son mais complexas, para servir de nexo entre unha longa serie de substantivos:
Tomo | adalah | pegawai | Bank | Indonesia |
Tomo | | empregado | Banco | Indonesia |
S | cop | | P | |
= "Tomo é un empregado do Banco de Indonesia |
Kain | kebaya | ialah | pakaian | wanita | Jawa |
kain | kebaya | | roupa | mulleres | xavanesas |
S | | cop | | P | |
= "O kain kebaya é a roupa das mulleres xavanesas" |