Caracterización xeral da tipoloxía morfolóxica

O indonesio é unha lingua aglutinante. Insírese nesta clasificación tipolóxica debido á formación das súas palabras, onde os morfemas se van adherindo a unha palabra base outorgando o seu significado, sexa léxico-semántico ou gramatical. Hai un grao de fusión baixo, que no caso dos infixos, fosilizados xa dende hai séculos na base, chegou a consumarse. O indonesio non ten declinacións.

Os procesos de aglutinación vense perfectamente nos mecanismos de formación de palabras:

  1. Na creación de palabras por afixación, dependendo do afixo (prefixo, sufixo ou circunfixo) que se combine cunha palabra base, teremos distintos significados: 'me + makan' (memakan) significa 'comer algo' (no sentido de estar dixeríndoo). Por outra banda, na forma 'di + makan' (dimakan) significa 'ser comido' (voz pasiva). 'Ter + makan' (termakan) significa 'ser comido por descoido'. É unha lingua moi rica en afixos, o cal denota a súa preponderancia cara á aglutinación. Cos prefixos, nalgúns casos en que se combinan coa plabra base, prodúcese un cambio fonético: 'Ber + ajar' (ensino) dá BeLajar (estudar; o r muda en l). // 'Me + ajar + -kan' dá meNGajarkan (ensinar, con adición de 'NG'). Por outra banda, os circunfixos son dous afixos que se sitúan antes e despois da palabra base. Poñamos como exemplo os circunfixos 'ke-...-an' (indican 'exceso', desempeñando a función do adverbio [demasiado]: kecil (pequeno), kekecilan (demasiado pequeno). Mahal (caro), kemahalan (demasiado caro).
  2. Outros mecanismos de formacion de palabras son a composición (palabra de dúas ou máis bases, que cando aparece libremente nunha oración, normalmente escríbese de maneira separada ambil alah [take over (take + shift)], indo unida cando é rodeada por unha estrutura circunfixal: peng-ambilalih-an [takeover]), e a reduplicación, sendo este ultimo un fenónemo moi produtivo, é un mecanismo de flexión que consiste en que unha palabra completa ou unha parte da mesma se repita, creando unha nova forma cun novo significado. A reduplicación úsase para expresar distintas funcións gramaticais (aspecto verbal, número plural en nomes e adxectivos, entre outras). É moi recorrente na formación dos plurais en nomes e adxectivos, aínda que non é a única maneira posible de expresalo (Cfr. [[Nome. Expresión do número plural]). Distínguese entre reduplicación total e reduplicación parcial:
  • Reduplicación total: afecta a nomes, pronomes, verbos, adxectivos e numerais. Unha palabra, sexa simple, composta, ou formada por afixos, pode ser reduplicada por completo: buku (libro) = buku-buku (libros); perubahan-perubahan (base ubah); tulisan-tulisan (base tulis). Unha base pode ser reduplicada e os afixos engádense á base resultante: kemerah-merahan (base merah), berkali-kali (base kali), sebesar-besarnya (base besar).
  • Reduplicación parcial: afecta unicamente ás bases que empezan por consoante e algúns nomes. Non é moi produtiva. Consiste en situar antes da base unha sílaba fomrada pola primeira consoante da base máis a vogal {e}. A palabra reduplicada adquire o mesmo significado que a base ou un significado de relación con ela: ás veces, como no primeiro exemplo, non garda relación: tangga (escaleira): tetangga (veciño)// jaka (bacharel) : jejaka (bacharel)// laki (marido) : lelaki (home)// tua (vello) : tetua (o maior).