Filiación xenética (familia e phylum)

O indonesio é unha lingua do phylum austronésico que pertence á familia malaio-polinesia. Dentro desta familia insírese a póla Malaio-Sumbawan, que á súa vez está integrada por un subgrupo de linguas Malaicas. Neste subgrupo é onde está a póla do malaio, que distingue dous dialectos: malaio do norte (bahasa malaisia) e malaio do sur (bahasa indonesia e bahasa brunei), que representan dúas formas estandarizadas da mesma lingua, o indonesio (o bahasa brunei é como se lle chama ó bahasa indonesia en Brunei, o mesmo estándar para os dous países). O glotónimo indonesio parece empregarse para a forma estándar e malaio parece empregarse para referirse a toda a variedade dialectal (aínda que tamén as diverxencias de denominación parecen responder a cuestións políticas). Bahasa signinfica lingua en indonesio.

Situación xeográfica

O indonesio esténdese por todo o territorio da República de Indonesia, por Brunei, polo Timor Leste, Malaisia, e o continuum dialectal amplíase ata o sur de Thailandia e sur de Filipinas.

[Consultar mapa en liña: http://www.muturzikin.com/cartesasiesudest/14.htm] (Nota: a extensión das linguas neste mapa: onde aparecen como primeira lingua. Correspóndese coa denominación malay, nun ton gris de gama un pouco escura. Sitúase, sobre todo, no litoral das illas e da península de Malasia).

Número aproximado de falantes

O indonesio, contando coa variante do norte (Malaisia) e do sur (Indonesia, Brunei), conta con 24.226.000 falantes nativos, dos cales 6.700.000 falan a variante bahasa indonesia e 17.526.000 a bahasa malaisia. Ademais, ao redor de 110 millóns de persoas fálana coma segunda lingua. (An Introduction to the Languages of the World)

Ethnologue, no mesmo caso, contabiliza 23.187.000 falantes nativos, dos cales 22.800.000 viven en Indonesia. Ademais, ao redor de 140 millóns de persoas fálana coma segunda lingua.

O indonesio tamén é falado por 1.5 millóns de persoas noutros países, en Países Baixos, Filipinas, Singapur (cidade estado fronteiriza con Malaisia e Indonesia, onde é unha das catro linguas oficiais) e parte Meridional de Thailandia (Multilingual archive).

Estatus sociolingüístico

A pesar de que en Indonesia se falan máis de 700 linguas, o indonesio é a única recoñecida como oficial na constitución de 1945 (artigo 36). Polo tanto, é a lingua que se emprega en todos os ámbitos institucionais (ensino, lexislación, xustiza, administración, etc.) e nos medios de comunicación.

Na escola, a lingua vehicular é o indonesio e só se permite empregar as linguas rexionais durante a primeira etapa da eduación primaria se os alumnos descoñecen a lingua oficial. Na lexislación, na xustiza e nos documentos oficiais, o indonesio é a única lingua empregada. Do mesmo xeito, está establecido por lei que, salvo certas excepcións, deba ser utilizada nos medios de comunicación. No mundo dos negocios, pola contra, comparte protagonismo co inglés, o xaponés e o chinés.

Debido ao seu estatus de única lingua oficial, cada vez son máis os falantes de linguas rexionais que adoptan o indonesio coma segunda lingua. Estímase que o 90% da mocidade é xa bilingüe. Con todo, e a pesar do asoballamento ao que están sometidas, as linguas rexionais seguen sendo as linguas maternas da meirande parte da sociedade indonesia. Está moito máis presente como primeira lingua en áreas urbanas, e xeralmente como segunda ou terceira lingua nas zonas máis rurais de Indonesia.

En Timor Leste, país ocupado por Indonesia ata 2002, o indonesio mantense como lingua de traballo entre os empregados do estado por razóns prácticas. Non obstante, o indonesio está cada vez menos presente nos medios de comunicación e xa desapareceu da educación, onde se priman dúas linguas oficiais do país: o portugués e o tetun.

Segundo os acordos alcanzados entre Indonesia, Malasia e Brunei, cunha pretensión de unificar as diverxencias, acordaron desenvolver un vocabulario científico e técnico común para manter os estándares en converxencia. Decidiron que o estándar normativo teña a súa base na variante denominada bahasa Riau, a lingua do arquipélago Riau, considerado o lugar de orixe da lingua.

Principais dialectos

O bahasa indonesia (bahasa brunei en Brunei), forma parte dun subgrupo malaio de linguas, xunto co bahasa malaisia. Están recoñecidas como a mesma lingua con dúas variantes estandarizadas. As diferenzas máis grandes son as relativas ó léxico. As dúas variantes estandarizadas son mutuamente intelixibles, exceptuando algunhas diferencias no deletreo, a pronunciación e o vocabulario.

O indonesio non só se fala nestes tres países. Cara ó norte, chega ata Thailandia, e tamén se fala no sur das Filipinas. Entre todos estes territorios políticos pódese establecer un gran continuum dialectal malaio conformado por unhas 45 variantes.

Este continuum ten unha maior diversidade no estado indonesio, onde a grandes trazos podemos inserilos dentro de dúas variantes principais: o indonesio occidental e o indonesio oriental. O occidental fálase principalmente nas illas de Sumatra, Kalimantan, Xava, Bali, Lombok, Sumbawa e no sur de Célebes. A variante oriental ten falantes no norte de Célebes, na illa de Ambon, nas Molucas, na illa de Flores, na illa do Timor e Irian Jaya (Papúa occidental). Basicamente, as diferenzas máis salientables son o acento dos falantes, as súas entoacións e diferenzas léxicas.

Outros datos relevantes

Segundo datos da páxina L'amenagement linguistique, o indonesio foi escollida como lingua franca trala independencia do país, e incorporou trazos de moitas linguas indonesias, de ahí que os propios indonesios a consideren como lingua neutra. Ademais, non estaba asociada a un grupo étnico particular (indonesia ten unha diversidade étnica grandísima), polo que esta variedade lingüística serviu para simbolizar a unidade nacional fronte á gran diversidade lingüística do país. A súa regulación estableceuse trala independencia en 1945, onde os nacionalistas optaron por convertelo no símbolo da unidade nacional e de intercomprensión e entendemento dos cidadáns, dada a gran variedade lingüísitca existente. Hai razóns históricas que explican as diferenzas entre as variedades norte e sur do malaio. Mentres que Malaisia foi colonizada polos ingleses, deixando cantidade de léxico, Indonesia padeceu a colonización neerlandesa, que se contabiliza que deixou un léxico dunhas 10.000 palabras.

Antes da súa estandarización empregaba un alfabeto propio parecido ó xaponés, pero desde 1945 utiliza o alfabeto latino.

Indonesia é un país onde a diversidade étnica e lingüística é grandísima, proba diso é que se sitúa na cabeza dos países con máis número de linguas. A súa situación xeográfica, dacabalo entre Oceanía e Asia, contribuíu a súa consolidación como zona de intercambio comercial e de confluencia de distintas culturas, linguas e etnias. Neste sentido, a consolidación de ruta e de intercabios comerciais fixo que a relación con China fose moi estreita, chegando a haber un gran asentamento de chineses en Indonesia dende moito tempo atrás. China foi e segue sendo unha gran potencia comercial, e en Indonesia o impacto do chinés ten certa relevancia, xa que ademais foi colonia chinesa nos séculos XV e XVI.

Moitos chineses por aquel entonces emigraron a Indonesia, coñecidos como os Peranakan. Foron asimilándose ás costumes, tradicións, linguas das illas de Xava e Singapur, onde se estableceron principalmente. Xurdiu un crioulo de base malaia (coñecido como bahasa melayu baba) con palabras do hokkien, taechew ou cantonés. É unha lingua que está quedando relegada ás xeracións máis vellas. En Singapur está sendo apartada en favor do inglés nas novas xeracións.