Aspectos suprasegmentais
Ao contrario que moitas das súas linguas veciñas, o indonesio non é unha lingua tonal.
A maioría dos autores afirman que a posición habitual do acento é a penúltima sílaba, a menos que conteña un /ə/. Nese caso, o acento pasaría á última sílaba.
Vogais
| Anterior | Central | Posterior | |
|---|---|---|---|
| Pechada | i | u | |
| Media | e | ə | o |
| Aberta | a |
Cando van en sílaba final pechada, as vogais /i, e, o, u/ adoitan abrir e realizarse como [ɪ, ɛ, ɔ, ʊ]. O mesmo acontece na penúltima sílaba se esta precede a unha sílaba final pechada e as vogais das dúas coinciden en grao de abertura.
En sílabas abertas, o indonesio tamén posúe os ditongos /ai/, /au/ e /oi/. Porén, en sílabas pechadas (como air "auga"), as dúas vogais pronúncianse coma un hiato. Ademais, hai certos dialectos de Indonesia nos que os ditongos /ai, au/ se confunden con /e, o/, respectivamente.
Consoantes
| Labial | Alveolar | (Pre)palatal | Velar | Glotal | ||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| xor. | son. | xor. | son. | xor. | son. | xor. | son. | xor. | son. | |
| Nasal | m | n | ɲ | ŋ | ||||||
| Oclusiva | p | b | t | d | k | g | ʔ | |||
| Africada | ʧ | ʤ | ||||||||
| Fricativa | (f) | s | (z) | (ʃ) | (x) | h | ||||
| Lateral | l | |||||||||
| Vibrante | r | |||||||||
| Aproximante | w | j | ||||||||
Notas:
- As consoantes entre parénteses son empréstitos fonéticos e, en consecuencia, só están presentes en palabras de orixe estranxeira.
- Cando /k/ está en posición final na sílaba, convértese nunha oclusiva glotal [ ʔ ] tanto a metade (p. ex., bakso "albóndigas") como a final de palabra (p. ex., bapak "pai").
- O fonema /t/, ao igual que linguas como o galego e o castelán, ten unha realización dental
Sistema de escritura
O alfabeto latino utilizado polo indonesio consta de 26 letras, repartidas en 21 consoantes e 5 vogais. A continuación, amósase unha táboa co alfabeto indonesio e a correspondencia fónético-fonolóxica de cada grafema segundo o Alfabeto Fonético Internacional (AFI):
| Grafema | AFI | Grafema | AFI |
|---|---|---|---|
| <A, a> | /a/ | <N, n> | /n/ |
| <B, b> | /b/ | <O, o> | /o/ |
| <C, c> | /tʃ/ | <P, p> | /p/ |
| <D, d> | /d/ | <Q, q> | /k/ |
| <E, e> | /e/ | <R, r> | /r/ |
| <F, f> | /f/ | <S/s> | /s/ |
| <G, g> | /g/ | <T/t> | /t/ |
| <H, h> | /h/ | <U/u> | /u/ |
| <I, i> | /i/ | <V/v> | /v/ |
| <J, j> | /dʒ/ | <W, w> | /w/ |
| <K, k> | /k/ | <X, x> | /ks/ |
| <L, l> | /l/ | <Y, y> | /j/ |
| <M, m> | /m/ | <Z, z> | /z/ |
Para outras consoantes nasais, distintas de m e n utilízanse dígrafos:
| Dígrafo | Fonema (AFI) |
|---|---|
| <ny> | /ɲ/ |
| <ng> | /ŋ/ |
Se o comparamos co galego, o indonesio non emprega a letra <ñ> (utiliza en cambio o dígrafo <ny>), pero si utiliza o <j>, o <k> e máis o <y>. Para o fonema africado /tʃ/ utiliza a letra <c>, que sería equivalente ao dígrafo <ch> en galego (p. ex., kucing /kutʃiŋ/ "gato").
