No sistema verbal wolof, as nocións de tempo (isto é, se o proceso é anterior -pasado-, simultáneo -presente-, ou posterior -futuro- ao momento no que falamos) son secundarias con respecto ás de aspecto (isto é, se o desenvolvemento do proceso está ou non completado). O que se indica primariamente nos auxiliares ou 'conxugacións' é aspecto perfectivo ou imperfectivo.

Aspecto perfectivo

As formas básicas da 'conxugación' wolof significan aspecto perfectivo, o que quere dicir que presentan o proceso ou estado como COMPLETO.

Enténdese que un estado está completo mentres ocurre, polo que o aspecto perfectivo cos predicados de estado traducirémolo case sempre por un presente:

Naka la sant?
Como AuxL.3sg(el) apelidarse
“Como se chama?”

En cambio, unha acción non se completa até que culmina e remata, polo que o aspecto perfectivo cos predicados de acción traducirémolo case sempre por un pasado:

Suley dafa dem Pikin seeti yaay-am
Suley AuxL.3sg(el) ir Pikin ver nai-3sg(súa)
"Suley foi a Pikin a ver a súa nai"

Aspecto imperfectivo

O aspecto imperfectivo significa acción inacabada ou incompleta, normalmente por estar aínda en desenvolvemento. Exprésase mediante o morfema -y ou di. Este morfema engádese á palabra que vaia xusto diante do verbo, que adoita ser o auxiliar, pero tamén pode ser o pronome obxecto ou un locativo, entre outras:

Lan nga-y def Ndakaaru?
que AuxL.2sg(ti)-Imperf facer Dakar
"que estás a facer en Dakar?"

Futuro

En wolof non existe propiamente tempo futuro, pero obténse o significado de futuro combinando o morfema imperfectivo di- coa 'conxugación' NA (neste caso o auxiliar colócase diante do verbo e non detrás):

Di-ngeen fa yàgg?
DI(FUT)-2PL(vós) alí estar moito tempo ?
"Estaredes alí moito tempo? "

Pasado

Como vemos, o sistema verbal wolof indica máis ben aspecto e non tempo, pero é posible indicar explícitamente o significado "pasado" co morfema -oon , que se engade ao verbo ou ao morfema imperfectivo di (neste caso, dando lugar á forma doon)

Dama feebar-oon
AuxD.1sg(=eu) enfermo-PAS
"Estiven enfermo"


Grupo de Tipoloxía Lingüística: wolof (Universidade de Vigo)
Última modificación da páxina 26 May 2009 ás 12h51, por JMGM