A lingua wolof pertence ó phylum níxer-congo e, dentro deste, á familia atlántica occidental. Aínda que o wolof tamén é falado noutras áreas xeográficas como Mali ou Mauritania, Senegal é o país onde conta cun maior número de falantes (ó redor de 3,5 millóns, segundo o Ethnologue) e onde acadou o estatus de lingua oficial. Francia, Gambia e Guinea- Bissau son estados nos que tamén se poden atopar falantes desta lingua. En todas estas zonas, o wolof non é oficial, pero úsase como lingua franca.

En canto ó seu número de falantes, fronte ós 3,5 millóns recollidos polo Ethnologue, Proel sinala que 4,5 millóns de persoas teñen o wolof como lingua materna, ademais doutros 7,8 que a empregan como lingua franca.

O Ethnologue e o Proel presentan diferencias tamén no que respecta ós seus dialectos. Mentres que o primeiro dos catálogos recoñece 5 variedades (Baol, Cayor, Dyolof [Djolof, Jolof], Lebou [Lebu] e Jander) o segundo sinala só dúas: o dialecto de Senegal e o de Gambia. Os dialectos diferencianse, sobre todo, na fonoloxía e no léxico. Sen embargo, a gramática é relativamente homoxénea en toda a comunidade de falantes de wolof

O wolof recibe outros nomes e variantes como Oulof, Yallof, Walaf, Volof ou Waro-waro. Para a súa escritura, pódense empregar os alfabetos árabe e latino. En Senegal, o carácter desta lingua é predominantemente urbán e os seus falantes adoitan manexar outras linguas como árabe e o francés.

En Senegal, ademais do francés (a lingua oficial do goberno) e do wolof, fálanse outras linguas como o fula, o jola, o serer e o mandinga.

HISTORIA

A principal hipótese acerca da orixe do wolof é que era a lingua dos Lebu, un dos grupos maioritarios que vivían na ribeira do río Senegal no século XI, xunto cos sereer, os fula, os soninke e os árabes. Kâ (2001) sinala que estes grupos estableceron o imperio Tekrur no século X e fundaron o imperio Jolof a finais do S. XIV. A palabra "Jolof" procede da área chamada Lof, onde se estableceu o imperio. A palabra "wolof", polo tanto, naceu para designar ós habitantes de Lof "waa-Lof" (wolof: "a xente de Lof").

O wolof estendeuse rapidamente na rexión de Senegambia antes da independencia de Senegal, en 1960. Isto estivo motivado por catro factores: 1) integración socio-económica; 2) urbanización; 3) casamentos entre distintos grupos étnicos; 3) o abandono das áreas rurais en favor das grandes cidades na procura de traballo.

ESCRITURA

A ortografía oficial do wolof foi fixada por decreto do goberno no ano 1974 seguindo a proposta do Centre de Linguistique Appliquée de Dakar (CLAD). Trátase dunha ortografìa fonémica no alfabeto latino na que en xeral cada grafema correspóndese cun fonema (vid. Fonoloxia)

Tamén é habitual atopar textos en wolof seguindo as pautas ortográficas do francés, e tradicionalmente o wolof foi escrito con caracteres árabes (wolofal). Tamén existe un alfabeto orixinal para o wolof, o alfabeto Garay, creado polo artista senegalés Assane Faye.

O wolof transmitiuse por vía oral ó ata que se produciu o contacto co Islam, que trouxo consigo a escritura (ó redor dos séculos XIII-XIV).

A escritura do wolof integrouse no fenómeno da escritura con caracteres árabes de linguas non árabes, coñecido como ajami (ou aljamía). Nalgún momento desta etapa, introduciuse unha serie de caracteres para completar estes sistemas, xa que o abjad árabe non dispoñía de todas as grafías necesarias para representar esta lingua.

Na época colonial, os franceses, ademais de impoñer o alfabeto latino, exerceron un forte control sobre os escritos en árabe, censurándoos ou quemándoos. Este tipo de actuacións responde a un intento de lograr un control completo sobre a poboación e de estender a súa lingua e a súa cultura.

A ideoloxía colonial, por motivos políticos, negou que en África existira tradición escrita. Segundo esta visión, os africanos eran analfabetos ata que os misioneros cristiáns lles ensinaron a ler e a escribir.

Aínda que rexeitaba a cultura árabe, a administración viuse obrigada a empregar a escritura árabe para poder chegar a unha importante proporción da poboación, especialmente ás zonas rurais.

Dende a independencia de Senegal, o alfabeto latino é o oficial. O CLAD (Centro de Lingüística Aplicada de Dakar) é o encargado de establecer as normas para este sistema de escritura.

En 1965 houbo un intento de estandarizar o sistema de transcripción de linguas locais en caracteres latinos, despois da conferencia de Bamako, organizada pola UNESCO. Promulgáronse decretos para establecer as normas de escritura. Estes decretos non foron aceptados por toda a poboación; en 1970 producíronse moitas protestas, xa que a elección oficial dos caracteres latinos marxinaba ós letrados en grafías árabes.

En 1983, a UNESCO decidiu poñer atención na escritura árabe xa que un tercio dos nenos estaba alfabetizado en caracteres árabes e o 60% da poboación adquirira este sistema por razóns relixiosas (o Corán está escrito en árabe). En 1984, a UNESCO acorda coa Banca Islámica de Desenvolvemento e a Asociación para a Chamada islámica un proxecto para empregar o sistema árabe estandarizado para combatir o analfabetismo. Puxéronse en funcionamento varios obradoiros en distintas cidades de Senegal. Esta tentativa fracasou debido á desconfianza da poboación e por motivos económicos.

En resumo, hai dúas posicións enfrentadas: unha, a defensora do ajami, sen soporte institucional, cuxos argumentos son a súa anterioridade e a accesibilidade para a maioría da poboación; outra, a oficial, que se apoia nos decretos e defende a escritura en grafías latinas.


Grupo de Tipoloxía Lingüística: wolof (Universidade de Vigo)
Última modificación da páxina 03 February 2016 ás 21h14, por JMGM