A estrutura da cláusula

Unha cláusula ou 'oración' é un tipo de construción sintáctica básica, existente en calquera lingua, na que hai necesariamente un predicado (típicamente un verbo) e elementos nominais que acompañan ao predicado como suxeito ou complementos. En wolof a orde máis habitual é Suxeito - Predicado - Complementos (SVO)

Predicado

En wolof, o predicado consta de tres elementos básicos: o verbo léxico (obrigatorio), o auxiliar (obrigatorio) e os clíticos (opcionais)

(1) Maa ko naam
AUX (A) 1ªsg Pron. OBX 3ªsg beber
"Eu béboo"

Suxeito

O suxeito pode consistir no número e persoa do auxiliar (como no exemplo 1) ou nun nominal, como no exemplo 2:

(2) Falu lekk na ceeb bi
Falu comer AUX(NA).3Sg arroz ARTsg
"Falu come o arroz"

Cando o suxeito aparece como un elemento nominal recoñeceselle pola orde das palabras (SVO) xa que aparece antes do verbo. A única excepción son as construcións co auxiliar LA. Neste caso o obxecto precede ao suxeito, e o verbo vai en último lugar.

Como o auxiliar contén información gramatical, o suxeito pode aparecer únicamente no auxiliar. O suxeito do auxiliar recoñécese pola variación de número e de persoa que estas partículas presentan (conxugacións).

Complementos

Os complementos poden ser nomes (como no exemplo 2) ou clíticos (como no exemplo 1).

O complemento adoita aparecer despois do verbo na cláusula, excepto cando vai co auxiliar LA. Neste caso, o complemento vai en 1ª posición, seguido do auxiliar, do suxeito nominal (se o hai) e, por último, do verbo:

(3) Jangalekat la nit kooku seet-i
profesor AUX(LA)3sg persoa esa ver-DIR
"Ao profesor foi a quen veu ver esa persoa"

Outro tipo de complementos son os locativos, que poden aparecer con preposición (exemplo 4) ou sen ela (exemplo 5):

(4) Daje na-ñu ak benn sàmm ci benn bunt-u dëkk,
reunirse AUX(LA)-3pl con un pastor en unha porta-REL aldea
“Reúnense cun pastor á porta dunha aldea ...”
(5) M.- Kon Ndakaaru nga dëkk? “E logo?, vives en Dakar?”
E logo Dakar auxL.2sg vivir?
e logo Dakar (ti) vivir?

Atribución e posesión

Nas linguas europeas, se queremos dicir de algo que é unha marabilla, está verde, ou está alí, utilizamos os verbos copulativos como ser ou estar para unir o suxeito co predicado nominal, adxectival ou locativo.

En Wolof non existe o verbo "ser", non hai verbos copulativos. Utilízanse os auxiliares como apoio dos predicados nominais e locativos

(6) S.- Déedéet, man duma turist, jangakat laa. “Non, non son turista, son estudante”
Non, eu AuxNEG.1sg turista estudante AuxL.1sg
Non, eu non son turista, estudante (son)

O verbo am "ter/haber" pode utilizarse para a predicación da posesión e da existencia:

(7) M.- Vilas! jàmm nga am? “Vilas, como estás?” (literal: "tes paz?"
paz auxL.2sg ter?
paz (ti) ter?
(8) Am-ul xaalis "Non hai diñeiro"/"Non teño cartos"
haber-NEG diñeiro


Grupo de Tipoloxía Lingüística: wolof (Universidade de Vigo)
Última modificación da páxina 04 February 2016 ás 03h52, por JMGM