A diátese é a relación que se establece entre un predicado e os nominais (suxeito e complementos) que dependen del. As alternancias de diátese permiten modificar o número e natureza dos nominais dependentes dun verbo, por exemplo convertendo un verbo intransitivo en transitivo, ou viceversa. En wolof, as alternancias de diátese exprésanse mediante sufixos verbais derivativos.

Derivación verbal transitivizadora

As diáteses accesivas ou transitivizadoras son aquelas que incrementan o número de participantes centrais. En wolof atopamos dous tipos básicos de diátese accesiva: a diátese aplicativa e a diátese causativa.

Diátese aplicativa

A diátese aplicativa introduce un novo participante na cláusula, a través dun determinado morfema verbal: benefactivo (codifica o receptor), instrumental ou locativo.

A expresión léxica do novo participante pode ir precedida ou non de preposición.

Así, temos os seguintes exemplos, nos que partindo dunha cláusula transitiva (exemplo 1) con dous participantes (A e P), introdúcese un novo partipante: o benefactor ou receptor (exemplo 2), un instrumento (exemplo 3) e un lugar (exemplo 4).

(1) Faatu togg na jën wi
Faatu cociñar AUX.NA3Sg peixe CL.sg
A P
"Faatu cociñou peixe"
(2) Faatu togg-al na Gàllaay jën wi
Faatu cociñar-BEN AUX.NA 3Sg Gàllaay peixe CL.sg
A R P
"Faatu cociñou o peixe a Gàllaay"
(3) Faatu togg-e na jën wi (ag) diwtiir
Faatu cociñar-INSTR AUX.NA3Sg peixe CL.Sg con aceite
A P INSTR
"Faatu cociñou o peixe con aceite"
(4) Faatu togg-e na jën wi ci waañ wi
Faatu cociñar-LOC AUX.NA3Sg peixe CL.Sg en cociña CL.Sg
A P LOC
"Faatu cociñou o peixe na cociña"

Diátese causativa

A diátese causativa introduce a través dun morfema verbal un novo participante: o causante. Partindo dunha cláusula transitiva como a do exemplo 1, con A e P, introdúcese un novo participante (causante) que fai que A (causado) faga P:

(5) Faatu togg-loo na Gàllaay jën wi
Faatu togg-CAUS AUX.NA3Sg Gàllaay peixe CL.Sg
causante causado P
"Faatu fixo que Gàllaay cociñara o peixe"


Derivación verbal intransitivizadora

As diáteses recesivas ou intransitivizadoras son aquelas que reducen o número de participantes centrais na cláusula.
En wolof hai varios sufixos verbais intransitivizadores: -u, -lu e -e.

O sufixo -u permite que un actante distinto do axente, xeralmente o paciente, non sexa expresado, pronominalizando o predicado:

Mu ngiy tagg-u
AUX NGI3Sg eloxiar-INTR
"El elóxiase (a si mesmo)"

O sufixo -lu posibilita a omisión do causante:

Dinaa tagg-lu Omar
DI.1Sg eloxiar-INTR Omar
"Eu farei eloxiar a Omar"


O sufixo -e impide a expresión do paciente ou do receptor (1):

(1) Nanga-y sarax-e suukar alxames ju jot
AUX2Sg-IPFV dar_esmola-INTR azucre xoves REL obter
"Ti donarás azucre cada xoves"



Referencias específicas

  • Buell, Leston and Mariame Sy (2006). "Affix Ordering in Wolof Applicatives and Causatives". Selected Proceedings of the 35th Annual Conference on African Linguistics: African Languages and Linguistics in Broad Perspectives 2004. Sommerville, MA, Cascadilla Proceedings Project, págs. 214-224. (pdf)


Grupo de Tipoloxía Lingüística: wolof (Universidade de Vigo)
Última modificación da páxina 25 April 2013 ás 17h03, por JMGM